A directora de Cáritas pronunciou o voto da cidade a San Sebastiá
O venres, 20 de xaneiro, tivo lugar o histórico voto da cidade de Pontevedra ao seu copatrono, San Sebastián.
Como todos os anos impares, a misa solemne tivo lugar na Real Basílica de Santa María a Maior, ás 20:00 horas.
Nesta ocasión, foi a directora de Cáritas Interparroquial de Pontevedra, Conchi Vázquez, a responsable de pronunciar o voto.
En anos recentes, este voto foi encomendado a unha persoa cega, a unha parella de mozos, ao presidente da Asociación Amigos do Camiño Portugués a Santiago, a un paciente dunha grave doenza hepática, tratando sempre de visibilizar distintas realidades que afectan os pontevedreses no seu día a día.
Neste caso lembrarase que Cáritas Interparroquial de Pontevedra ten en marcha un ambicioso proxecto para dotar á cidade dun renovado albergue para persoas sen fogar, cuxo montante alcanza o millón de euros.
A historia do voto a San Sebastián remóntase a xaneiro de 1515, durante un grave episodio de peste, a entón vila de Pontevedra ofreceuse ao santo, con motivo da proximidade da súa festa e dada a súa especial intercesión para librar de calquera enfermidade a persoas e urbes.
Desde entón réndeselle a este santo unha especial homenaxe cada 20 de xaneiro, figurando como un dos principais protectores da cidade, xunto a San Roque (outro gran avogado fronte ás epidemias) e á patroa, A nosa Señora da Esperanza, a Virxe da O.